A POBOACIÓN DE BURELA SEGUE EN AUMENTO A PESARES DA CRISE, - TopicsExpress



          

A POBOACIÓN DE BURELA SEGUE EN AUMENTO A PESARES DA CRISE, SEGUNDO DATOS ACTUAIS DO PADRÓN MUNICIPAL, QUE PODEN SUFRIR MODIFICACIÓNS ATA FINAIS DE ANO. O CONCELLO CONTA CON 9.780 HABITANTES, DOS QUE O 12,96% SON EXTRANXEIROS. Burela, 24 de agosto de 2013. A poboación de Burela segue en aumento a pesares da crise, segundo os datos que figuran no padrón municipal e que poden sufrir modificación ao longo das vindeiras semanas. A día de hoxe o concello conta con 9.780 habitantes, dos que o 12,96% son extranxeiros. Na actualidade conviven en Burela 44 nacionalidades ademais da española. O 31 de decembro do 2012, o Instituto Nacional de Estatística publicou os datos oficiais que revelaban un aumento de 20 habitantes en Burela con respecto ó ano anterior, quedando a poboación total en 9.653 persoas. Destes case dez mil residentes, 1.206 eran estranxeiros, cun total de 715 homes e 491 mulleres. A porcentaxe de cidadáns doutros países representa o 12,45% da poboación total. As familias netamente estranxeiras que residen en Burela, é dicir aquelas nas que todos os seus membros son estranxeiros, son 280, segundo os datos do INE. Nesa data, a finais do ano pasado, había 40 nacionalidades distintas ademais da española. A comunidade máis ampla era a caboverdiana, con 424 persoas, seguida por Perú con 163. Entre as máis pequenas, con un so membro cada unha, estaban, entre outros, Bulgaria, Irlanda ou Xapón. A día 22 de agosto de 2013 o alcalde do Concello, José María González Barcia, ofrecía datos do padrón municipal: “datos non oficiais que poden sufrir modificacións ata que o INE os peche o 31 de decembro deste ano. Non son polo tanto datos concluíntes”. Ese informe amosa que a poboación total de Burela actualmente é de 9.780 persoas. A poboación estranxeira aumentou respecto ós últimos datos oficiais do INE, sendo 1.268 persoas doutras nacionalidades e chegando xa a un 12,96% do total de persoas empadroadas no concello de Burela. Hai un incremento de 62 foráneos, dos que 739 son homes e 529 mulleres. O número de unidades familiares netamente estranxeiras, segundo o padrón municipal de Burela, é de 283. A cifra de nacionalidades aumentou en catro, sumándoselles ás xa existentes Nicaragua, Panamá, India e Mauritania, cunha persoa representando a cada unha. A comunidade estranxeira máis importante segue sendo a caboverdiana, con 452 persoas, seguida de Perú no segundo posto con 177 membros. Bulgaria, Irlanda e Xapón seguen tendo soamente un residente, ó igual que Guinea-Bissau, que conta cun cidadán. Aumentou a poboación indonesia e china, esta última con nove membros, e a estadounidense conta con seis. A pesares da crise actual a poboación de Burela segue a medrar, “algo no que tivo incidencia tamén o incremento das comunidades inmigrantes”, segundo indicou o rexedor, José Mª González Barcia.
Posted on: Sat, 24 Aug 2013 10:02:40 +0000

Trending Topics



Recently Viewed Topics




© 2015