Moi bo día a todas! Moi bo día a todos! Hoxe é un dese días - TopicsExpress



          

Moi bo día a todas! Moi bo día a todos! Hoxe é un dese días nos que a escolla do/a personaxe ou acontecemento a lembrar resulta moi difícil pola abundancia deles. Nós escollemos hoxe a Víctor Jara pola repercusión que tivo a nivel mundial, mais puidemos facer (e así o facemos, aínda que sen biografia) a lembranza doutros/as, porque... EN TAL DÍA COMA HOXE PERO DE... 1832 (28 de setembro) naceu Víctor López Seoane y Pardo-Montenegro. Probablemente o naturalista máis importante do século XIX, que realizou importantes traballos sobre a fauna e flora de Galicia, especialmente nos eidos da entomoloxía, a ornitoloxía e a herpetoloxía. 1944 (28 de setembro) naceu Xesús Ferro Ruibal. Lingüista, teólogo, latinista e escritor galego. Moi coñecido por ser a cara visíbel do programa da TVG "BEN FALADO". 1940 (28 de setembro) naceu Helena Villar Janeiro. É unha escritora galega cunha gran obra en moitos eidos da nosa literatura. E o que lle queda por escribir! 1932 (28 de setembro) naceu Víctor Jara. Víctor Lidio Jara Martínez, nado en San Ignacio o 28 de setembro de 1932 e asasinado en Santiago de Chile o 16 de setembro de 1973, foi un músico, cantautor e director de teatro chileno. Procedente dunha familia campesiña, converteuse nun referente internacional da canción reivindicativa e de cantautor. Foi asasinado durante a represión que seguiu ó golpe de estado do Xeneral Augusto Pinochet contra o goberno democrático de Salvador Allende o 11 de setembro de 1973. Fillo de pais campesiños, inquilinos da pequena localidade de Quiriquina, a 30 minutos de Chillán, onde se arraiga un profundo folclore. O seu pai, Manuel Jara, traballaba nos labores propios do campo intentando arrancar algún rendemento á eira que lle alugaran. A súa nai, Amanda, cantora (cun amplo coñecemento da cultura popular, orixinaria do sur de Chile e con sangue Mapuche), tocaba a guitarra, coa que acompañaba as cancións á luz das fogueiras en torno ás que se reunían os veciños e traballadores, e á luz da cal xogaban os nenos mentres Víctor se tumbaba a ver as estrelas pola noite. A familia completábase con María, Georgina (Coca), Eduardo (Lalo), Víctor e Roberto, o menor. Desde neno, xa con seis ou sete anos, Víctor Jara viuse na obriga de acompañar nos traballos do campo á familia e a realizar tódalos labores propios encargados ós cativos (buscar auga, leña...). A actividade de cantora da súa nai supúxolle o primeiro contacto coa música. Acompañábaa a tódolos acontecementos ós que era requirida (vodas, bautizos, velorios...). A mala relación co seu pai provocou que Víctor se unira máis á súa nai, quen se preocupou da educación dos fillos mandándoos á escola, onde Víctor axiña destacou. O seminario Trasladáronse á Poboación de Nogales, onde volveu atoparse con Julio e Humberto Morgado, compañeiros da escola primaria. A familia Morgado proporcionou a Víctor comida e cama. Víctor deixou os estudios e traballou nunha fábrica de mobles e axudaba a Pedro Morgado, pai dos seus compañeiros, no seu traballo de transportista. Por consello do pai Rodríguez ingresa no seminario da Orde dos Redentoristas en San Bernardo. Víctor recorda así a decisión: Para mi fue una decisión muy importante ingresar al seminario. Al pensarlo ahora, desde una perspectiva más dura, creo que lo hice por razones íntimas y emocionales, por la soledad y la desaparición de un mundo que hasta entonces había sido sólido y perdurable, simbolizado por un hogar y el amor de mi madre. Yo ya estaba relacionado con la iglesia, y en aquel momento busqué refugio en ella. Entonces pensaba que ese refugio me guiaría hacia otros valores y me ayudaría a encontrar un amor diferente y más profundo que quizá compensaría la ausencia de amor humano. Creía que hallaría ese amor en la religión dedicándome al sacerdocio. Dous anos despois, en 1952, abandonaría o seminario ó decatarse da súa falta de vocación, pero lembrando positivamente o canto gregoriano e a parte de interpretación da liturxia. Cando sae do seminario vai realizar o servizo militar. A música e o teatro Con 21 anos entra no coro da Universidade de Chile e participa na montaxe de Carmina Burana, comezando así o seu traballo de investigación e recompilación folclórica. Tres anos máis tarde forma parte da compañía de teatro "Compañía de Mimos de Noisvander", e empeza a estudar actuación e dirección na Escola Teatro da Universidade. En 1957 entra a formar parte do grupo de cantos e danzas folclóricas Cuncumén e coñece a Violeta Parra, que o anima a seguir cantando. Con 27 anos, en 1959, dirixe a súa primera obra de teatro: Parecido a la felicidad de Alejandro Sieveking, facendo actuacións por varios países latinoamericanos. Como solista do grupo folclórico grava o seu primeiro disco, dúas panxoliñas. No ano seguinte participa como asistente de dirección na montaxe de La Viuda de Apablaza de Germán Luco Cruchaga, sendo o director Pedro de la Barra, e dirixe a obra La Mandrágora de Machiavello. En 1961 e como director artístico do grupo Cuncumén viaxa por Holanda, Francia, Unión Soviética, Checoslovaquia, Polonia, Romanía e Bulgaria. Ese mesmo ano compón a súa primeira canción, Paloma quiero contarte, e segue traballando como asistente de dirección na montaxe de La Madre de los Conejos de Alejandro Sieveking. Ó ano seguinte dirixiría para Ituch a obra Animas de Día Claro, tamén de Alejandro Sieveking. Grava co grupo Cuncumén o álbum Folclore Chileno, onde ten dúas cancións propias, Paloma quiero contarte e La Canción del minero. Comeza a desempeñar a función de director na "Academia de Folclore de la Casa de la Cultura de Ñuñoa", cargo que desempeñaría ata 1968. Nesa mesma época e ata 1970 forma parte do equipo estable de directores do Instituto de Teatro de la Universidad de Chile, Ituch, e entre 1964 e 1967 é profesor de actuación na Universidade. O traballo de dirección teatral lévalle moito tempo e realiza, ben como asistente de dirección ou como director, varias montaxes, entre elas unha para a TV (para Canal, a TV da Universidade de Chile) realizando unha xira por Arxentina, Uruguai e Paraguai coa obra Animas de día claro deAlejandro Sieveking. En 1963 é asistente de dirección de Atahualpa del Cioppo na montaxe de El círculo de tiza de Bertolt Brecht, para o Ituch. Segue compoñendo música e en 1965 dirixe a obra La remolienda de Alejandro Sieveking, e a montaxe de La maña de Ann Jellicoe para o Ictus, polas que recibe o premio Laurel de Oro como mellor director e o premio de La Crítica do Círculo de Periodistas á mellor dirección por La maña. Cantautor Exerce de director artístico para o grupo Quilapayún entre os anos 1966 e 1969 e ata 1970 actúa como solista en La Peña de los Parra. Segue cantando e dirixindo obras de teatro, e en 1966 grava o seu primeiro álbum, Víctor Jara, editado por Arena. Coa casa Emi-Odeón gravaría ó ano seguinte os álbums Víctor Jara e Canciones Folclóricas de América, xunto a Quilapayún. Segue traballando como director teatral e monta de novo La remolienda recibindo o premio da Crítica pola dirección de "Entretenimiento a Mr. Sloane" e o Disco de Prata do selo Emi-Odeón. En 1969 monta a obra Antígona de Sófocles para a Compañía da Escola de Teatro da Universidade Católica. Coa canción Plegaria a un labrador gaña o primeiro premio no Primer Festival de la Nueva Canción Chilena e viaxa a Helsinki para participar nun Mitin Mundial de Mozos porVietnam e grava Pongo en tus manos abiertas. En 1970 participa en Berlín na Conversación Internacional de Teatro, e en Bos Aires no Primeiro Congreso de Teatro Latinoamericano. Implícase na campaña electoral da Unidad Popular e saca o disco Canto libre. É nomeado Embaixador Cultural do goberno da Unidade Popular e en 1971 pon música, xunto con Celso Garrido Lecca, ó ballet Los siete estados de Patricio Bunster para o Ballet Nacional de Chile. Xunto a Violeta Parra e Inti-Illimani entran no Departamento de Comunicacións da Universidade Técnica do Estado. Coa casa Dicap edita o disco El derecho de vivir en paz que lle vale o premio Laurel de Oro á mellor composición do ano. Traballa como compositor de música para continuidade na Televisión Nacional de Chile desde 1972 ata 1973, e investiga e recompila testemuñas en Herminda de la Victoria, nas que basearía o seu disco La población. Viaxa á URSS e a Cuba e dirixe a homenaxe a Pablo Neruda pola obtención do Premio Nobel. Os campesiños de Ranquil invítano á realización dunha obra musical sobre o lugar e dentro do seu compromiso social toma parte nos traballos voluntarios para impedir a paralización do país que as forzas reaccionarias queren lograr mediante a folga de camioneiros. Ese mesmo compromiso levarao en 1973 a realizar diferentes actos, participando na campaña electoral para as eleccións ó parlamento a favor dos candidatos da Unidade Popular, e respondendo a un chamamento de Pablo Neruda participa dirixindo e cantando nun ciclo de programas de TV contra a guerra e o fascismo. Traballa en varios discos que xamais poderá gravar e realiza a gravación de Canto por travesura. O golpe de estado do xeneral Augusto Pinochet contra o presidente Salvador Allende o 11 de setembro dese ano sorpréndeo na Universidade Técnica do Estado. É detido xunto con outros alumnos e profesores. Lévano ó Estadio Chile, onde permanece detido varios días. Segundo algunhas versións, é torturado durante horas, golpeándolle as mans ata romperllas coa culata dun revólver, e finalmente dispáranlle o día 16 de setembro, atopándose o seu corpo tres días máis tarde . A súa viúva, Joan Jara, negou que lle arrincaran as unllas e outra serie de torturas ás que se di que foi sometido. Foi un destacado militante do Partido Comunista de Chile, sendo membro do comité central das Xuventudes Comunistas de Chile ata o momento do seu asasinato. Estando preso escribiu o seu último poema e testemuña: Somos cinco mil Somos cinco mil en esta pequeña parte de la ciudad. Somos cinco mil ¿Cuántos seremos en total en las ciudades y en todo el país? Solo aquí diez mil manos siembran y hacen andar las fabricas. ¡Cuánta humanidad con hambre, frío, pánico, dolor, presión moral, terror y locura! Recoñecemento do seu asasinato En 1990 a Comisión de Verdad y Reconciliación determinou que as forzas da orde executaron a Víctor Jara o 16 de setembro de 1973 no Estadio Chile e que o botaron nunhas matogueiras nas cercanías do Camposanto Metropolitano situado á beira da Estrada 5 Sur. Logo levárono á morgue como NN, onde máis tarde sería identificado pola súa esposa. Os seus restos atópanse no Camposanto Xeral de Santiago de Chile. Como homenaxe, a 30 anos do Golpe Militar, en setembro de 2003 o Estadio Chile recibiu o seu nome. Información fornecida na Galipedia. Voz: Víctor Jara
Posted on: Sat, 28 Sep 2013 07:06:47 +0000

Trending Topics



Recently Viewed Topics




© 2015