Unha rúa nun porto lonxano do norte. As tabernas están - TopicsExpress



          

Unha rúa nun porto lonxano do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xente de tódalas castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, a música de pianolas chocas, moito fedor a sebo… Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de amizade, cada un no seu falar. E sen entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntais. O mariñeiro que fala francés e mailo mariñeiro que fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perde-lo sentido xuntos, para seren máis amigos. ¡Quen sabe se despois de ben borrachos poderán entenderse! E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo comeza a cantar: Lanchiña que vas en vela; levas panos e refaixos para a miña Manoela. O mariñeiro que fala francés arregala os ollos, abrázase ó compañeiro, e comeza tamén a cantar: Lanchiña que vas en vela; levas panos e refaixos para a miña Manoela. ¡¡A-iu-hú-hú!! Os dous mariñeiros eran galegos. O taberneiro, gordo como un flamengo de caste, viu saí-los dous mariñeiros da tarberna e pola súa faciana vermella escorregaron as bágoas. E despois dixo para si nun laído saudoso: ¡Lanchiña que vas en vela! Tamén o taberneiro era galego. Castelao: Cousas.
Posted on: Wed, 21 Aug 2013 15:51:17 +0000

Trending Topics



Recently Viewed Topics




© 2015